Desde moi pequeno sentiuse atraído pola música, empezando a tocar o violín e o piano con tan só sete anos. Pronto se aburriu destes instrumentos, debido ao desfasamento existente entre a música que lle resultaba atractiva e a música que o sistema académico lle impoñía... Non foi ata uns anos máis tarde cando retomou os seus estudos musicais, sendo esta vez a guitarra o instrumento elixido e compaxinando os estudos oficiais coa interpretación de estilos máis populares.
Axiña descubriu a súa paixón pola composición, chegando a desenvolver un estilo moi característico no que se mesturan elementos de distintas correntes musicais (tanto cultas como populares).
Licenciado en guitarra polo COSMAC (Conservatorio Superior da Coruña), termina o grao superior co guitarrista Ramón Carnota como mestre. Acudiu a cursos impartidos por guitarristas como Álex Garrobé, Antonio Duro, Carlo Marchione, Liliana Matos... Tamén estudou con compositores como Francisco Rosa ou Antón García Abril e coa soprano Diana Somkhieva.
En música moderna destaca o primeiro premio acadado no concurso Aguillolo Rock (2002), así como o segundo posto no festival da canción de Ordes (2003), ambos como cantante, compositor e guitarrista do grupo Mízar. Tamén participou noutras agrupacións musicais como Piazzolla (interpretando música do compositor arxentino), Dezine (bandas sonoras) ou Aeternam (versións de rock).
No 2011 estrea a súa obra Requiem, para grupo de rock progresivo e coro clásico por diferentes teatros de Galicia. O disco, publicado pola casa discográfica Musea Records, é nominado aos premios ProgAwards.
No 2016 publica un EP de pezas propias co grupo Khitara, banda formada por dúas guitarras clásicas, dúas eléctricas, caixón flamenco e voz, saíndo a tocar con dita formación por varios auditorios e teatros galegos.
Compaxina o seu traballo como mestre de música no CEIP de Caión coa composición e a interpretación musical.